Historia

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) xurdiu na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos, onde se celebran os tres primeiros congresos da AIEG. O primeiro deles organizado en 1985 na Universidade de Maine-Orono e o segundo na Universidade de Brown en 1988. Trals terceira edición en 1991, celebrado na Universidade da Cidade de New York, o congreso trasládase en 1994 por primeira vez a Europa, á Universidade de Oxford. A partir dese ano, os congresos trianuais da AEIG abandonarán terras anglófonas e comezarán a alternar sedes sudamericanas e europeas ata a actualidade: Trier (1997), La Habana (2000), Barcelona (2003), Salvador da Bahia (2006). O IX Congreso celebrarase por primeira vez en Galicia en 2009 (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo).

Estes congresos, que nas dúas primeiras edicións aínda foron "congresos de estudos galegos", acadan o seu status internacional na edición de Nova York e constitúen nestas últimas dúas décadas a principal actividade da asociación, xunto coa edición das actas correspondentes. As orixes da asociación, de enfoque claramente académico, estiveron relacionadas co traballo e coa dedicación de galicianistas de Estados Unidos na súa primeira década de existencia. A súa vitalidade viuse reforzada, de maneira considerable, a partir dos anos 90 coa creación e expansión dos Centros de Estudos Galegos mais os correspondentes lectorados galegos creados arredor do mundo, co patrocinio e financiamento da Xunta de Galicia.

A AIEG foi impulsada e desenvolveu o seu labor nomeadamente no terreo académico e universitario. As áreas de traballo das estudosas e dos estudosos comezaron sendo a literatura, a historia, cultura e a lingua galegas. Ao se desenvolver a conexión coa comunidade académica de Galicia tras o congreso de 1991, intensifícase o interese polos estudos sobre a lingua galega. Con todo, nesta última década vénse observando un maior interese por outras áreas do saber con pouca visibilidade ata o momento, como serían os estudos de tradución, a economía ou o dereito. No futuro, a AIEG potenciará a presenza dos estudos doutras áreas e procurará levar a cabo máis actividades entre congresos.

Congresos da AIEG celebrados ata a actualidade e respectivas/os presidentas/es:

I Congreso 1985. University of Maine, Orono (EEUU); presidenta (1982-1985): Kathleen March
II Congreso 1988. Brown University (EEUU); presidente (1985-1988): Antonio Carreño
III Congreso 1991. City University of New York, CUNY (EEUU); presidente (1988-1991): Xoán González-Millán
IV Congreso 1994. University of Oxford (Reino Unido); presidente: presidente (1991-1994): John Rutherford
V Congreso 1997. Universität Trier (Alemaña); presidente (1994-1997): Dieter Kremer
VI Congreso 2000. Universidad de La Habana (Cuba); presidente (1997-2000): Dieter Kremer
VII Congreso 2003. Universitat de Barcelona (Cataluña); presidente (2000-2001): Kathleen March; (2001-2003): Basilio Losada Castro
VIII Congreso 2006. Universidade Federal da Bahia (Brasil); presidente (2003-2006): Basilio Losada Castro
IX Congreso 2009. Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo (Galicia); presidente (2006-2009): Burghard Baltrusch
X Congreso 2012. Universidade de Cardiff (Gales, Reino Unido); presidente (2009-2012): Craig Patterson
O XI Congreso (2015) terá lugar en Bos Aires (Arxentina); presidenta electa para o período 2012-2015: Débora Campos