Data: 09/10/2008
John Rutherford (Saint Albans, 1941), catedrático emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, ingresou o sábado 4 de outubro de 2008 como académico de honra na Real Academia Galega, despois de medio século de dedicación profesional e afectiva a Galicia. Fora presidente da AIEG entre 1994 e 1997, e organizador do IV Congreso da asociación no Queen’s College, onde dirixía tamén a Cátedra de Estudos Galegos. Tradutor ao inglés de Castelao e Méndez Ferrín, así como de El Quijote e La Regenta, da súa docencia xurdiron varias promocións de investigadoras/es británicas/os que nestes intres están a dar un grande impulso aos Estudos Galegos nas Illas Británicas.
No seu discurso de ingreso na RAG, titulado “O fermoso sorriso de Daniel”, Rutherford lembrou a súa chegada a Galicia nun intercambio cultural que o levou en 1958 a Ribadeo. Cambioulle a vida, xa que nesta vila da costa de Lugo non só se namorou da cultura popular, mais tamén coñeceu a súa muller. En Ribadeo iniciou en 1988 os encontros anuais “Mar por medio”, título escollido pola Fundación Otero Pedrayo para edición do libro conmemorativo do Premio Trasalba, que lle foi outorgado en 2007. John Rutherford é ademais autor dunha novela arredor do Camiño de Santiago, As frechas de ouro (Galaxia, 2004).
A Asociación Internacional de Estudos Galegos séntese profundamente honrada con este recoñecemento académico e institucional de quen fora o seu presidente.